25/9/07

XSG promove a presentación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei sobre cambio climático

O Grupo Parlamentario Socialista e Xuventudes Socialistas de Galicia INSTAN á Xunta de Galicia, a través do Grupo Parlamentario Socialista, a asumir responsabilidades e por en marcha accións que frenen o Cambio Climático. - “O problema do cambio climático deber ser asumido non só pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, senón tamén polo conxunto do Goberno Galego, así como por todas as Administracións Galegas, incluídos Concellos e Deputacións. Neste senso, nesta PNL esíxese á Xunta de Galicia que lidere a loita contra o cambio climático en Galicia, conxuntamente cos concellos e coa FEGAMP” Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2007. José Manuel Lage Tuñas, portavoz de mocidade do Grupo Parlamentario Socialista defenderá o mércores no Parlamento de Galicia unha Proposta non Lexislativa impulsada por Xuventudes Socialistas de Galicia, na que insta ao goberno da Xunta a por en marcha medidas e actuacións concretas co fin de contribuír a frear o cambio climático, ao mesmo tempo que a Xunta actúa como administración exemplificante na loita contra o cambio climático. O Contido da Proposición Non de Lei promovida por XSG ante o Parlamento de Galicia, propón a todos os departamentos do Goberno galego a incorporar políticas efectivas que reduzan as emisións de C02 á atmosfera, ao mesmo tempo que incorporen criterios de sostibilidade e eficiencia no funcionamento da administración, especialmente nas contratacións de bens e servizos que efectúa a Xunta. A este respecto, Isabel Lema, responsable de Medio Ambiente das XSG, manifestou que “O problema do cambio climático debe ser asumido non só pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, senón tamén polo conxunto do Goberno Galego, así como por todas as Administracións Galegas, incluídos Concellos e Deputacións. Neste senso, nesta PNL esíxese á Xunta de Galicia que lidere a loita contra o cambio climático en Galicia, conxuntamente cos concellos e coa FEGAMP.” Lage Tuñas, defensor da iniciativa, cualificou de “moi positiva a posta en marcha por parte do actual Goberno da Estratexia Galega contra o Cambio Climático, así como o programa educativo Climática” . “Sen embargo, son precisas máis iniciativas de sensibilización e educación ambiental dirixidas non só a nenos e nenas, senón ao conxunto dos xóvenes e da cidadanía, co fin de promover cambios de conduta e consumo na sociedade galega a medio e longo prazo”, engadíu tamén. Dende Xuventudes Socialistas, Isabel Lema demanda tamén da xuventude galega un comportamento responsable fronte ao cambio climático: "Debemos de ser tamén cidadáns política e ambientalmente activos. Temos que empezar a demandar dos nosos concellos e gobernos, políticas ambientais concretas, e iniciativas que frenen o cambio climático. A cidadanía pode conformar un lobbie máis forte, co que presionar ante os gobernos indecisos ante un problema de tan universais consecuencias como é o cambio climático."

No hay comentarios: